A Agrupación de electores solicitará ao pleno que se revise á baixa o salario de Javier Bas. De aprobarse a súa proposta a retribución anual do alcalde pasaría dos 45.000 euros brutos que cobra actualmente a 27.500 euros. Curiosamente fora a abstención de AER a que permitira ao PP, no pasado mes de xullo, aprobar a súa proposta de retribucións na que se incluía tanto o salario do alcalde como a do resto dos concelleiros.
A proposta de AER chega logo de que Javier Bas fora nomeado deputado provincial o pasado 27 de novembro xa que, segundo explican “agora o noso alcalde vai estar pendente de moitos asuntos relativos á Deputación e ao Partido Popular que non teñen nada que ver coa actividade municipal nin co seu cargo de alcalde deixando de ter unha ocupación total a Redondela como a que tivemos en conta cando se lle aprobou o salario que percibe das arcas do Concello”. Por ese motivo “consideramos que a retribución que debe percibir Javier Bas tería que ser outra distinta da aprobada ao inicio do mandato”.
Pero non é esta a única modificación proposta por AER, grupo que solicita que se lle reduza a 5.134 euros a retribución anual ao concelleiro de interior Arturo González Barbeiro por entender que “un edil que foi reprobado polo pleno -tal e como aconteceu no pasado mes de novembro co responsable de interior- debe dimitir. Logo de comprobar que segue no seu posto entendemos que non merece cobrar a retribución aprobada no seu día”.
Neste sentido conclúen afirmando que o pleno non ten a potestade de decidir os seus representantes na Deputación, nin potestade para obrigar a dimitir a ningún concelleiro “pero o pleno si que ten a potestade para fixar as retribucións do equipo do goberno” motivo polo que solicitan que se rebaixen ditas retribucións.