Logo de varios anos sufrindo recortes, o festival de cine en pequeno formato que se celebrará entre os días 21 e 24 de abril recupera o seu orzamento orixinal, 18.000 euros. Unha mellora que lles permite incrementar os premios aos que poderán optar os participantes. Establécense así dous premios de 1.500 e 1.000 euros aos mellores filmes escollidos polo xurado e polo público, respectivamente. Ademais dun premio de 500 euros para aquelas curtametraxes que participen na sección Andaina. O prazo de presentación estará aberto até o 15 de febreiro.
Dende a organización do Festival destacan como principal novidade desta edición o incremento dos premios que se outorgarán aos filmes gañadores, que sumará 3.000 euros entre os premios á mellor curtametraxe escollida polo público e polo xurado e ás participantes na sección Andaina. Outras novidade desta edición é que se suprimen as proxeccións nos bares e todas as actividades celebraranse no Multiusos da Xunqueira, onde se habilitará unha zona específica para a proxección dos filmes enmarcados dentro das seccións “Curtísimas”, na que se proxectará unha selección dos mellores filmes recibidos cunha duración inferior aos tres minutos; a sección “Friki”, na que terán cabida as películas máis orixinais presentadas a concurso, e a sección “Galegos”, unha panorámica das curtametraxes galegas máis actuais. Ao igual que en anteriores edicións, no certame tan só serán aceptados os xéneros de ficción, de forma que todas aquelas obras de carácter institucional, turístico, documental ou publicitario quedarán excluídas. Admitirase como máximo unha obra por autor que, nesta edición, deberá ter sido xerada despois do 1 de xaneiro de 2014. As curtametraxes terán que ser entregadas en versión orixinal e as que non foran rodadas en galego ou castelán deberán levar subtítulos nun destes idiomas. Os interesados en participar dispoñen de prazo até o vindeiro 15 de febreiro para enviar as súas películas, que deberán ser remitidas exclusivamente a través das plataformas dixitais movibeta.com, festhome.com, uptofest.com e clickforfestivals.com. Os interesados poden consultar as bases na páxina web oficial do festival: www.redondelaencurto.com.