Un total de tres puntos trouxo de Canarias o equipo, grazas a un empate anta o Puerto del Carmen e a unha vitoria co Zonzamas. A cruz é para o Rodosa Chapela, que perdeu na pista do Seis do Nadal. Na categoría masculina de Primeira Nacional vitoria para os dous equipos locais: a SAR impúxose ao OAR Coruña e o Chapela venceu ao Lavadores.
División de Honra Prata Feminina
Zonzamás 29-32 SAR Rodavigo
A dobre cita en Canarias non puido saír mellor para o equipo que adestra Elisardo González “Chini”, que sumou o xoves un punto no empate ante o Lanzarote Puerto del Carmen, un dos equipos máis duros do campionato, cun marcador de 23-23. Onte culminaron a xesta ante o Zonzamas, ao impoñerse ao equipo canario por 29-23, nun encontro no que comezaron dominando as locais. Pouco a pouco as pupilas de “Chini” foron meténdose no partido, e os erros das anfitrioas permitiron a vitoria redondelá. Un claro acerto da SAR disputar os dous encontros na mesma semana, grazas tamén a que a Federación de Balonmán permitiu atrasar o encontro da xornada 13 co Lanzarote, para disputado na semana da xornada 15. Evitar o dobre desprazamento, e dispoñer de máis tempo para aclimatarse á climatoloxía das illas beneficiou os intereses do club redondelán. A SAR Rodavigo está agora na 7ª praza, e a próxima fin de semana reciben ao Camargo, no pozo da táboa.
Rodosa Chapela 18-25 Seis do Nadal
As de Chapela, seguen afundidas na parte baixa da táboa ao caer derrotadas ante un dos equipos fortes, as viguesas do Seis do Nadal. Na próxima xornada reciben ao Palencia, da metade baixa da táboa.
Primeira Nacional Masculina
OAR Coruña 25-29 SAR Plastic Omnium
Os homes de Carlo Rey trouxeron unha vitoria de terras coruñesas e seguen mellorando posicións na táboa, son 11º. A próxima xornada reciben en Redondela ao Porriño, que os adianta en dúas posicións cun punto máis.
Lavadores 22-33 Construcións Castro Chapela
Os de Teixeira foron moi superiores ao Lavadores, e manteñen a segunda praza, co obxectivo cumprido. O sábado reciben en Chapela ao Cañiza, da metade baixa da táboa.