Organizar unha festa, un concerto ou calquera outro tipo de espectáculo pode comportar riscos importantes para a seguridade tanto do público como das persoas que traballan na organización. Co obxecto de achegar ás asociacións de Redondela a información e formación necesaria para que a programación de actividades por parte dos colectivos sociais e culturais se adapten a normativa existente, o concello organiza este xoves unha xornada aberta que contará con especialistas neste ámbito. Celebrarase o xoves 11 ás 20:00 horas na Casa da Cultura.
Nesta primeira xornada, participarán o Director Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Chapela Seijo, que falará de cuestións prácticas na aplicación da Lei galega 9/2013, que regula os espectáculos e actividades recreativas.
O segundo convidado é Xosé Manuel Blanco, presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais, un dos profesionais galegos máis versados na aplicación da normativa que afecta a espectáculos e a resolución dos problemas derivados. AGEM foi a primeira asociación profesional en España en promover e negociar un convenio colectivo autonómico para traballadores do espectáculo e a primeira e elaborar documentos sobre calidade na produción de espectáculos.
O Concelleiro de Interior, Arturo González, e Cultura, Xabier Alonso, presentarán e moderarán o encontro, ao que se convida a todos os colectivos e entidades culturais e deportivas de Redondela que organicen espectáculos, como concertos e festivais, ou calquera tipo de actividade deportiva, recreativa ou socio cultural.