A Asociación de veciños da parroquia recolleu máis de 40 reclamacións de veciños cuxas propiedades víronse afectadas pola riada e desprendemento de terras que se producía a semana pasada a consecuencias da chuvias. Agradecen “o apoio institucional que estamos a recibir” e reclaman medidas para evitar que no futuro poida volver acontecer. Mentres os trabalos de limpeza avanzan coa retirada de cascallos.
A asociación recolleu nos últimos días máis de 40 reclamacións nas que se dá conta dos danos que sufriron as propiedades dos veciños. A máis afectada é unha casa contra a que impactou de cheo a riada que arrastraba consigo lodo, pedras e árbores. Explica a secretaria da asociación Angela Antón que dita casa “quedou sen calefacción, luz e auga”. Unha situación que afortunadamente para os seus inquilinos a día de hoxe está xa subsanada, cos servizos básicos repostos. Hai que engadir outras oito vivendas que tamén se viron, afectadas, catro coches, lavadoiros, pontes e pozas. Malogrados quedaron tamén os cultivos de moitas leiras. Unha documentación que foi xa entregada no concello para que se axilice a concesión de axudas. Antón asegura que malia a preocupación inicial, o apoio recibido por parte das institucións serviu para tranquilizalos. Facía referencia neste sentido á visita esta mesma fin de semana da ministra de Fomento, Ana Pastor, quen se comprometeu a acelerar os traballos para paliar as consecuencias do temporal así como tramitar polo procedemento de emerxencia as obras necesarias para reparar os danos. Outra dos temas que preocupan e se finalmente tamén aqueles que carecían de seguro van recibir axuda económica para paliar os prexuizos que lles causou a riada e “trasladáronnos a idea de que así será”. Do mesmo xeito, confía en que Augas de Galicia acometa as obras necesarias que garantan que no futuro non se volvan producir desprendementos con precipitacións da mesma intensidade.