Logo dun gran comezo no Campionato Territorial Sur de Bateis, no que subiron ao podio en cinco categorías, Chapela prepara a cita desta fin de semana no Grove. No club apuntan a Meira, Tirán e Mecos como os seus rivais polo título galego esta temporada.
A proba disputada a pasada fin de semana en augas da antiga ETEA, en Teis, inaugurou a tempada de bateis, con excelentes resultados para o C.R. Chapela, ouro na absoluta masculina, prata na xuvenil feminina e tres bronces: na promesa e absoluta feminina e na xuvenil masculina. Uns resultados que segundo o presidente, Julio Prado, “son o resultado do traballo ben feito ao longo de todo o inverno”. A próxima cita esta fin de semana será no Grove, onde agardan competir tamén a un bo nivel e seguir sumando para acadar o obxectivo do club, que non é o outro que a clasificación para o campionato autonómico e estatal. Prado confía en que o club estea a un bo nivel, tanto nas categorías femininas como masculinas, “e pelexar polos títulos” situándose sempre entre os tres ou catro mellores de cada categoría. Especial relevancia terá nesta temporada a fin de semana do 12 e 13 de marzo, cando se dispute en Chapela a XX Bandeira Concello de Redondela e a Bandeira do Porvir Memorial Obdulio Iglesias “Odilo”.