A organización xuvenil Isca! organiza este venres a proxección do documental Fíos Fóra (historias de obreiras, entre costuras e patróns), un audiovisual que percorre a historia do téxtil galego desde os anos 70 ata a actualidade a través de testemuños de persoas do sector. A reportaxe é obra da produtora Illa Bufarda e de Amarante Setem e poderá verse este venres no Multiúsos da Xunqueira ás 20:00 horas con entrada de balde.
O documental recolle testemuños de seis costureiras, entre elas dúas extraballadoras de Regojo de Redondela, que representan a esas tantas “mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60 e que foron a man de obra perfecta e cativa para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada”. Parte dos testemuños aparecen identificados só con iniciais e fóra de cámara. Tamén se recollen testemuños de traballadoras marroquís e algúns aparecidos en redes sociais como YouTube porque “a historia repítese nos fíos doutros lugares” Tamén aparecen no relato representantes do Igape, o clúster do sector e empresarios. Non así de Inditex, que protagoniza gran parte do filme e que, como o resto das empresas do sector é moi criticada, segundo dise no vídeo, por ter trasladado a súa produción a países estranxeiros. Desde Isca! organizan a presentación deste documental, en colaboración coas protagonistas e colaboradoras do mesmo, en Redondela o vindeiro venres 26 de febreiro ás 20:00 horas no Multiusos de Redondela (Paseo da Xunqueira). Posteriormente terá lugar un coloquio con persoas responsábeis do documental.