O concelleiro de Cultura, Xabier Alonso confirmouno no pleno municipal logo dunha interpelación da Agrupación de Electores quen lle pedían explicacións sobre cales son os procedementos e medidas que dende o Concello de Redondela se están a levar a cabo para evitar que as ruínas da antiga fortaleza de Rande poidan resultar danadas coa acción das máquinas que están a traballar na ampliación da autoestrada. Alonso engadiu que o concello carece de competencias nese espazo pero “estaremos vixiantes e no caso de que se toquen os restos existente non dubidaremos en pedir responsabilidades, incluso pola vía penal”. Confirmou tamén que se continuará co procedemento para solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural para todos os elementos da zona.
O compromiso de Audasa pasa por realizar escavacións arqueolóxicas na área do Castelo de Rande e proceder á posta en valor dos xacementos e os restos do Castelo. Esta posta en valor incluiría entre outras medidas a restauración das ruínas, a sinalización e publicación de cartelería divulgativa así como o acondicionamento dos accesos. Actuacións todas elas que deberán realizarse en coordinación coa Dirección Xeral de patrimonio cultural da Xunta de Galicia. O edil recoñecía tamén que o Concello carece de competencias pero que é deber da administración local manterse vixiante e poñer en marcha un procedemento de inspección e control das obras que se executan na contorna da fortaleza de Rande para evitar que as máquinas poidan danar aínda máis uns restos extremadamente danados dende a construción da Ponte”. Un control que tería por obxectivo “que non se toquen os restos aínda existentes e, no caso de que así sucedese, iniciar os procedementos que sexan necesarios incluso pola vía penal”. Xabier Alonso lembrou que a fortaleza xa conta coa declaración de BIC (Ben de Interese cultural) pero que o concello continuará coa tramitación para que dita declaración se amplíe tamén ao restos dos elementos existentes no lugar como é o Museo de interpretación no Meirande, o Cargadeiro do Alemán ou o xacemento arqueolóxico dos Pecios da Batalla”.