Dúas circunstancias permiten ao equipo de Chapela volver a liderar a Autonómica Sur. Por unha banda o seu bo facer no campo que lles permitiu vencer por 4-8 ao Celado. Por outra, víronse favorecidos pola vitoria do Arealonga FS que vencía por 3-1 ao equipo que ata o de agora era líder da categoría, o Cereixa Gondomar. Un mal partido do Redondela impide que esteamos a falar de pleno no fútbol local, ao caer os pupilos de Juan Nogueira por 2-4 ante o Mos Serodio.
O propio adestrador do Redondela amosa a súa preocupación logo do partido do sábado disputado na Bomboneira e no que os locais, con moitos erros defensivos, non foron quen de facer fronte ao Mos. Juan Nogueira asegura que é tempo de “facer unha reflexión sobre cales son os nosos obxectivos na liga”. Relegados ao decimo segundo posto da categoría engade o adestrador que “é tempo de seren humildes e competir e loitar cada partido por non descender”. A próxima cita será no pavillón Óscar Pereiro ante o Celado.
En situación ben diferente atópanse os dous equipos de Chapela que esta fin de semana volvían deixarnos dúas vitorias importantes. O Arealonga tiña unha cita difícil malia xogar na casa, xa que recibían ao que era o líder da categoría. Con todo, os de Chapela amosaron o seu bo facer na pista e lograron facerse cos puntos en xogo ao vencer 3-1 ese partido. Agora son sétimos e na vindeira semana xogarán no pavillón do Mondariz.
Vitoira máis importante se cabe a lograda polos xogadores do Campito, que logo de vencer ao Celado por 4-8 recuperar o liderado da categoría. O afeccionados a este deporte poderán ademais gozar na vindeira fin de semana dun partido de máxima rivalidade no Pavillón de Chapela, xa que se enfrontarán os dous equipos que están chamados a gañar esta liga, o Campito- actual líder- e o Cereixa Gondomar, segundo do grupo.