Unha persoa tivo que ser excarcerada logo de que colidiran dous vehículos que circulaban pola estrada que une Redondela e o Porriño ao seu paso por Mos. Os implicados acabaron impactando contra unha vivenda particular. O suceso rexistrouse ao redor das oito da mañá e provocou importantes retencións na estrada. Non foi este o único accidente das últimas horas na bisbarra. Onte a irrupción dun can na autoestrada AP-9 en Rande provocaba tamén outro accidente con feridos.
Efectivos de emerxencias excarceraban na mañá de hoxe a unha persoa que resultou ferida e quedou atrapada no interior do seu vehículo logo dunha brutal colisión entre un camión e un coche na estrada N-550 ao seu paso por Mos. Ambos os vehículos impactaron contra unha vivenda particular que sufriu graves danos. Un particular daba a voz de alarma ao 112 quen alertou aos Bombeiros do Baixo Miño, Urxencias médicas, GES e Protección Civil de Mos e Redondela así como a garda civil de tráfico. A estrada permaneceu cortada ao tráfico en ambos os dous sentidos mentres os servizos de emerxencia traballaban na evacuación do ferido, que foi trasladado en ambulancia ao hospital Alvaro Cunqueiro.
Accidente en Rande
Na xornada de onte ás dez da noite tiña lugar tamén outro aparatoso accidente neste caso na autoestrada AP-9 nas inmediacións de Rande. Un can que irrompeu na vía nas proximidades da ponte en sentido Vigo-Pontevedra causaba o accidente no que se viron afectados dous vehíuclo e no que resultou ferido un dos condutores. O animal atravesou a estrada e o condutor dun Xsara Picasso non puido evitar o seu atropelo causándolle a morte. O vehículo chocou contra a mediana e colidiu tamén cun BMW.