Esta actividade, que se desenvolverá o mércores 9 ás 20:00 horas na Casa da Cultura en Redondela e o xoves no Multiúsos de Arcade ás 17:00 horas, está enmarcada dentro do ciclo de charlas que organiza a Xunta de Galicia co gallo de achegar aos veciños información sobre as axudas das que se poden beneficiar por atopárense as súas vivendas nos camiños de Santiago. Poden beneficiarse as vivendas de preto de 500 parroquias emprazadas en 107 concellos, entre eles tamén os propietarios de inmobles que se atopen no camiño portugués ao seu paso por Redondela ou Soutomaior.
A Xunta continua esta semana coas xornadas informativas sobre axudas á rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, concretamente organizaranse reunións nos concellos pontevedreses de Tui, Mos, Vilaboa, Pontevedra e Barro así como nos de Redondela e Soutomaior. No primeiro caso a charla será o mércores 9 ás 20:00 horas na casa da Cultura. En Soutomaior a actividade desenvolverase o xoves 10 ás 17:00 horas.
As axudas da ARI dos Camiños de Santiago consisten nunha subvención do 35 por cento do orzamento protexible, cantidade que será dun máximo de 11.000 euros por vivenda.
Poden beneficiarse das mesmas todas as vivendas que cumpran os requisitos e estean emprazadas nas parroquias polas que pasan as sete rutas do Camiño de Santiago. Nas zonas urbanas e de acceso ás vilas e cidades o ámbito queda limitado ás vivendas emprazadas no trazado do camiño.
Consideraranse actuacións protexibles a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en vivendas, edificios de vivendas e vivendas unifamiliares a fin adecualas á normativa vixente.
A área de rehabilitación dos Camiños de Santiago conta en 2016 cun orzamento total de 3,2 millóns de euros para actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas. Comprende as sete rutas do Camiño de Santiago en Galicia, incluíndo 107 concellos e preto de 500 parroquias.