O C.R. Chapela organiza esta fin de semana dúas probas de bateis, con regatas tanto o sábado como o domingo. Mañá disputarase en augas de Arealonga a XX Bandeira Concello de Redondela de Bateis, e o domingo a Bandeira do Porvir Memorial Obdulio Iglesias “Odilo”.
A proba que se celebra na tarde do sábado, a partires das 16.00 horas, contará coa participación de todos os clubs da Liga Territorial Sur, cun total de 17 clubs con embarcacións pertencentes ás sete categorías da competición, tres femininas e catro masculinas. Xa o domingo, a partires das 11.00 horas, e tamén fronte ao paseo de Cardona, celebran a VIII Bandeira do Porvir Memorial “Odilo”. Nesta regata de bateis participarán non só clubs da liga sur, senón tamén algunhas embarcacións da liga norte, como Cabo de Cruz. A elevada participación de clubs e os prognósticos meteorolóxicos, que falan de ceos despexados e tempo primaveral, auguran unha fin de semana que será unha verdadeira festa do remo en Chapela.