As vacacións de Semana Santa levan aos viaxeiros a buscar destinos nos que o sol estea minimamente garantido. Así, os máis afortunados e que contan con varios días de vacacións solicitan destinos como Canarias ou o Algarve, zonas cuxo principal atractivo é sempre o bo tempo. Tamén as capitais europeas son outro destino moi demandado. Na axencia de viaxes Airbus de Redondela constatan tamén a demanda de “destinos familiares” como Cabárceno en Santander ou mesmo Madrid “para ver algún musical ou facer turismo cultural”.
As axencias constatan que cada vez son máis os que intentan rachar coa rutina e saír da vila nas datas de vacacións que se aproximan e que deixan para a maioría catro días de ferias, mentres que os máis afortunados poden gozar dunha semana ou incluso máis días de ocio. Restan poucos días para esas datas pero aínda hai posibilidade de facerse cun destino atractivo e económico. Isabel Poutón de Airbus Redondela apunta que as viaxes máis demandadas son as illas ou o Algarve, pero tamén destinos familiares como Cabárceno ou outras cidades da xeografía española. Anima a todos os que queiran facer algunha viaxe a achegarse ás axencias “porque sempre podemos atopar algo interesante” pero insiste en que o mellor é ser previsores “xa non existe a oferta de última hora, agora prémiase ao cliente que ven con tempo e que fai a reserva canto antes”. Por iso, se podemos organizar as nosas vacacións de verán, nada mellor que facelo agora para poder garantirnos un destino apetecible e a un prezo asequible.