Veciños indignados polo trato inhumano que se lles está a dar aos refuxiados que chegan a Europa fuxindo da guerra reuniranse hoxe ás 18:30 horas no Multiúsos da Xunqueira. A xuntanza servirá para artellar algún tipo de iniciativa encamiñada a denunciar esta situación, mover conciencias e favorecer que a sociedade se manifeste en contra das políticas que se están a aplicar na que se considera é a peor crise humanitaria en Europa dende a II Guerra Mundial.
A través das redes sociais e do boca a boca, está convocada para a tarde de hoxe mércores ás 18:30 horas unha xuntanza no Multiúsos á que están chamadas a participar todas aquelas persoas “indignadas co que están a facer cos refuxiados e que pensan que a sociedade civil debe facer algo”.
Serán os propios asistentes á reunión os que acorden algún tipo de acción encamiñada a protestar polas políticas europeas que decretan entre outras medidas a expulsión dos refuxiados.