Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco deixa escapar dous puntos

RR_Noticias

O Vilalbés empatou o encontro en Santa Mariña despois de que o Choco errara un penalti que podería ter sentenciado o partido. Na Segunda Autonómica o Choco B impúxose ao Matamá e na Terceira Autonómica pleno para os equipos redondeláns con vitorias de Peña Beretes e goleadas de Cesantes e Atl. Vilar.

Terceira División
Choco 1-1 Vilalbés
Santa Mariña non viviu a súa mellor tarde de fútbol, cun Choco pouco ofensivo e un Vilalbés que impuxo o seu estilo. Un partido con poucas ocasións e mesmo un penalti fallado. Na primeira parte poucas opcións de gol, e o marcador seguía a ceros ao descanso. E xa na segunda metade non foi ata o minuto 71 cando se moveu. Un balón longo foi rescatado por Yago Vázquez. O central puxo o centro á área, e de cabeza Fernando mandouno ao fondo da portería de Ares. O Choco adiantouse e estivo a piques de sentenciar. Silva forzou unha pena máxima moi protestada polo equipo visitante Lugo a dez minutos para o final do partido. Pero non estivo acertado Silva no disparo e Javi Ares mandou o balón a saque de curruncho. O Vilalbés seguía con vida, e aproveitou a oportunidade Sergio Arias a tres minutos do final. O disparo superou na súa saída ao porteiro local. Aínda houbo tempo despois para a expulsión de Silva e a dos dous adestradores. Malia o empate o Choco segue firme na cabeza da táboa, en segunda posición, e ten aínda oito puntos de renda sobre o cuarto. Está a un punto do terceiro, o Cerceda, que será precisamente o seu rival este xoves.
Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Molinos, Suso (Cristian, min. 69), Gándara, Alberto Suárez, Comis (Fernán, min. 81), Fernando, Hugo, Félix (Xosé Ramón, min. 69), Silva.
Racing Vilalbés: Javi Ares, Dani García, Álex Pérez, Justo Pardero, Muíña (Hugo Criado, min. 83), Javi Varela, Iago Blanco (Rubén Gómez, min. 66), Lamas, Gerardo, Poratti, Sergio Arias.
Goles: 1-0, min. 72: Fernando; 1-1, min. 87: Sergio Arias.
Árbitro: Gonzalo Villanueva. Expulsou por dobre amonestación a Silva (min. 89) e con cartón vermello directo ós adestradores de ambos equipos (Marcos Montes e Óscar Gilsanz). Amonestou a Suso e Fernán polo Choco e a Justo, Lamas, Sergio Arias, Hugo Criado, Javi Ares e Álex Pérez polo Vilalbés.
Segunda Autonómica

Choco B 2-0 Atl. Matamá
O filial do Choco segue entre os máis fortes do grupo, na próxima xornada defenderá a terceira praza no campo do Lavadores.
Chapela 1-3 R. Vilariño
O Chapela adiantouse no marcador, pero os visitantes reaccionaron na segunda metade e protagonizaron a remontada. O Chapela, na 11ª praza, xogará a próxima xornada no Monte da Mina, ante o R. Castrelos.
Terceira Autonómica

Monteporreiro 1-5 Cesantes
Os redondeláns golearon ao pechacancelas nun encontro no que foron moi superiores. Na próxima xornada protagonizarán o derbi comarcal, xa que reciben ao Arcade.
Sol Invictus 1-2 Peña Beretes
Os goles de Jesús e Pablo déronlle a cuarta vitoria da temporada ao Peña Beretes Chapela. O resultado puido saldarse do lado de calquera dos dous equipos, pero os redondeláns, cun home máis nos últimos minutos, aproveitaron a superioridade.

Atl. Vilar 4-0 Caselas B
O Vilar mantén o 2º posto logo de superar con claridade ao filial do Caselas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará