O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luís Díez, supervisaron as obras de mellora da seguridade viaria na PO-264 ao seu paso polo municipio consistente na implantación dunha miniglorieta para mellorar a intersección nas rúas municipais Calvario e Leiras no núcleo urbano de Arcade.
Os traballos, que xa comezaron, contan cun prazo de execución de dous meses e un orzamento que supera os 43.600 euros. Tras comprobar o inicio destes traballos, delegado e alcalde, trataron tamén as obras de adaptación de dúas sendas peonís e ciclistas na PO-244. É máis, ambos responsables institucionais desprazáronse ata o lugar da Montesiña para observar unha das dúas zonas onde ten previsto actuar a Xunta de Galicia. Concretamente, a Administración autonómica actuará nun total de 330 metros de dita estrada. Estas dúas actuacións iniciaranse antes do verán e contan cun orzamento aproximado de 60.000 euros.