A biblioteca municipal de Soutomaior organiza este xoves un festival homenaxea ao poeta no 80 aniversario da súa morte a través da súa obra “Romancero Gitano”. A partir das sete da tarde os membros do grupo “Amistad” ofrecerán un recital no que os asistentes poderán gozar da poesía e da música durante aproximadamente 45 minutos.
O recital-musical “Romancero Gitano” é unha representación baseada na mesma obra de García Lorca coa que pretenden render homenaxe ao poeta no 80 aniversario do seu falecemento. O repertorio consta de varias pezas con diferentes interpretacións musicais que acompañarán a poemas tan recoñecibles como “Romance de la luna, luna”, “Romance sonámbulo” ou “Feria de abril en Jerez”.
Esta é a novena edición do Recital Poético de Soutomaior, que desde o ano 2005 vén recollendo clásicos da literatura e a poesía universal. Desde a primeira edición, dedicada ás Lecturas do Quijote, até a actual, autores como Uxio Novoneyra ou os integrantes da xeración do 27, protagonizaron unha cita que ano tras ano amplía as súas fronteiras e atrae maior cantidade de público.