Co gallo da celebración, o vindeiro 23 de abril, do Día do libro, e a dedicación este ano do día das Letras Galegas 2016 ao escritor chairego Manuel María, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración con Radio Redondela e as Bibliotecas Municipais de Redondela organizan unha celebración conxunta que consistirá na lectura e gravación de textos do autor homenaxeado en Radio Redondela, entre o 12 e o 15 de abril (en horario de 13 a 14:30 h), e a posterior emisión na emisora municipal entre o 18 e o 22 de abril, vésperas da celebración.
Tamén existe a posibilidade de que aquelas persoas que non poidan achegarse á Radio Municipal a facer as gravacións, ou aqueles centros educativos que xa teñan feito co seu alumnado algunha gravación, poidan envialas por correo electrónico en formado MP3 a radioredondela@hotmail.com para a súa posterior emisión.
A emisora municipal ten á disposición das persoas que se acheguen algúns exemplares de libros de Manuel María, que poderán utilizar para a lectura e gravación.
O SNL, Radio Redondela e as Bibliotecas Municipais animan a toda a cidadanía a que participe nesta celebración poñendo voz propia á palabra escrita do poeta da fala.