A corporación municipal aprobou por maioría, cos votos en contra dos catro concelleiros da Agrupación de Electores o texto modificado da lei da Área metropolitana de Vigo. As tres formacións (PP, PSOE e BNG) deron o seu apoio a esta modificación consensuada entre os 14 concellos da Área Metropolitana e a Xunta e que supón un trámite necesario para poñer en marcha este órgano supramunicipal. A voz discordante púxoa AER quen argumentou o seu voto en contra “porque esta lei conduce a que Redondela acabe sendo un barrio de Vigo”. Amosaron tamén as súas reticencias á falta de claridade sobre o custe que lle suporá ao concello adherirse a este organismo.
O debate previo á votación non estivo con todo exento de críticas por parte de BNG e PSOE, quen malia votar a favor do texto lamentaron que o PP non sempre buscara o consenso á hora de abordar este asunto. Así o explicaba o nacionalista Xoan Carlos González, quen aseguraba que as negociacións que nos últimos meses desenvolveu a Xunta cos concellos implicados responde aos malos resultados que as pasadas eleccións municipais lle propinaron aos populares na comarca viguesa. Engadía González que o Bloque sempre apostou pola área metropolitana como xeito de mellorar os servizos que se prestan aos veciños de concellos pequenos e medianos. Concluía asegurando que será traballos do goberno local evitar que Redondela perda a súa identidade e sexa absorbida por Vigo. As críticas socialistas ían encamiñadas a que a Area Metropolitana non arranque xa con todos os concellos que demandaron formar parte dela e só cos 14 inicialmente previsto. Eduardo Reguera recriminaba ao alcalde que non exista referencia concreta no texto ao tren de proximidade e a necesidade de incrementar e mellorar os servizos ferroviarios. Neste sentido os populares, a través da súa voceira, Carmen Amoedo insistían no consenso como pedra angular da nova lei “logo de que a xunta se reunise con todos os concellos implicados” e lembraba aos socialistas que o transporte ferroviario é competencia exclusiva de Fomento. Insistía tamén nos avances que esta lei suporá para o transporte de viaxeiros “xa que grazas á inclusión de Vigo os usuarios de Redondela poderán facer transbordos e moverse pola cidade viguesa sen necesidade de abonar máis dun billete”. Máis rotundos nas súas críticas eran os concelleiro de AER , quen votaron en contra por entender que a lei non especifica a achega económica que lle suporá ao concello formar parte da área metropolitana. Alertan tamén que Vigo ten poder co 45% do voto ponderado para vetar practicamente calquera iniciativa que parta do resto dos concellos e que esta lei “conduce a que Redondela acabe sendo un barrio de Vigo” en palabras de Ricardo Figueroa. Amoedo lamentaba a postura de AER “non é lóxico votar en contra dunha área metropolitana cuxa lei ten recollido practicamente a totalidade das propostas emanadas do pleno”. Acusaban aos concelleiros da agrupación de electores de “votar en contra dun texto histórico que serve para mellorar as condicións de vida dos veciños”.