Arranca a V edición da Ruta do Pincho coa adhesión de 32 locais de hostalaría que presentan outras tantas propostas cheas de tradición nos seus produtos pero moi innovadoras na súa presentación. Dende hoxe e ata o vindeiro 24 de abril os clientes poderán gozar destes petiscos acompañados dun viño ou unha cervexa a un prezo de 2,75 euros. Como novidade, os interesados poderán descargar unha app nos seus dispositivos móbiles para consultar cada unha das tapas ofertadas.
Niño ibérico con germinados de alfalfa, lombarda e doce de castañas, crocante de primavera, fabas con ameixas en cama de choco, torta se salmón con laranxa, lembranza de entroido… e así ata un total de 32 propostas diferentes que poderemos atopar durante os vindeiros días nos locais de hostalaría adheridos a esta iniciativa da asociación de empresarios coa que se busca “potenciar o sector partindo da boa calidade dos nosos produtos”. Dende o casco urbano pasando polo centro de Chapela, descubrindo as praias de Cesantes e Arealonga ou visitando as contornas rurais de Cedeira, os que o desexen poderán “degustar os sabores da nosa terra e do noso mar en pequenas porcións”. Farano ademais este ano cunha rebaixa repecto do ano anterior, xa que se baixa o prezo aos 2,75 euros no que se inclúe ademais do petisco unha bebida que pode ser un viño albariño Albanta, un Mencía Vía Imperial ou un Rioja Juan Alcorta. Para os amantes da cervexa hai opción de acompañar o pincho cunha Mahou. Os clientes atoparán nestas coidadas elaboracións moita calidade, pero tamén cantidade. De feito, o vicepresidente da federación de hostaleiros de Pontevedra, José Domingo González apuntaba que “máis que pinchos o que se está a ofrecer nesta ruta son tapas, certo é que se trata dunha iniciativa que busca promover a hostalaría pero sería bo reducir o tamaño dos pinchos para animar ao consumo”. Apuntaba tamén que no camiño de dar maior repercusión a esta ruta “estaría ben darlle un nome distintivo unha vez que xa está consolidada”. Como todos os anos, os participantes poderán puntuar todos os petiscos e ademais participar no sorteo de premios como unha noite para dúas persoas no hotel Balneario Augas Santas, unha ruta termal e unha visita á adega Regina Viarum con degustación de viño. O segundo premio será unha comida para dúas persoas nun dos locais participantes da ruta que elixa o premiado máis unha botella de viño. O terceiro posto terá como premio dous pases para o circuíto termal completo no Talaso de Baiona, de luns a sábado. Novas tecnoloxías Como novidade desta edición, os clientes e os hostaleiros poderán acceder a toda a información relacionada con esta V Ruta do Pincho a través dunha aplicación que se pode descargar nos nosos dispositivos móbiles. Baixando a app (quedamos de tapas) poderemos coñecer todas as tapas ofertadas, o local que a ofrece e a súa ubicación, acceder a unha galería fotográfica e coñecer e outros datos de interese.