Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco está a un paso da fase de ascenso logo dun traballado triunfo en Ribadumia

RR_Noticias

O equipo de Marcos Montes impúxose no Campo da Senra por 0-1 nun partido moi disputado, e sitúase na cuarta praza na recta final da liga. Na Segunda Autonómica triunfo do Choco B e do Chapela, ante Pereiró e San Miguel. Na Primeira Nacional do balonmán o Castro Chapela gañou en Pontevedra e a SAR perdeu ante o Luceros.

Terceira División
Ribadumia 0-1 Choco
O Choco tivo que sufrir ata o minuto 82 para anotar o que sería o único gol do partido e deixar case selada a súa participación na fase de ascenso. Foi un partido moi disputado o que se xogou onte no campo da Senra, e dese o comezo mandou o fútbol ofensivo nos dous conxuntos. O Ribadumia protagonizou o primeiro achegamento con opcións tras unha boa combinación por banda esquerda que terminou nun centro á área de Jorge Fajardo. Molinos tocou o xusto para que Changui non chegase ao remate. Houbo chegadas nas dúas áreas, que aumentaron a intensidade do xogo no centro do campo. Fajardo volveu servir un bo centro desde a esquerda, pero non atopou rematador. E na segunda metade ningún dos equipos baixou a intensidade nun partido no que a calidade de Cortegoso na portería foi determinante. Impúxose nun man a man de Fran Matos e pouco despois rexeitou un disparo de Changui desde o punto de penalti. O gol apareceu tras un pasede Félix a Fer que disparou desde a frontal sen oposición. Manu Táboas desviou o balón ao seu pau esquerdo, pero ao rexeite chegou Óscar, que marcou para o Choco. A próxima fin de semana os redondeláns defenderá a súa cuarta praza en Santa Mariña ante o Barbadás, equipo situado na metade baixa da táboa.
Segunda Autonómica

Choco 8-1 Pereiró
O filial do Choco foi moi superior aos vigueses, aos que goleou. Os redondeláns manteñen a 3ª praza do grupo, posición que defenderán o domingo no campo do Victoria, da metade baixa da táboa.
Chapela 3-1 San Miguel
O Chapela deu a sorpresa ante o líder, o intratable San Miguel, con goles de Javier, Rafa e Miguel. O equipo visitante reaccionou na segunda metade, pero xa sen tempo para a remontada. O Chapela, que é 11º, xogará no campo do Matamá, situado no ecuador da clasificación.
Balonmán Primeira Nacional

Pontevedra 26-28 Castro Chapela
Os de Fran Teixeira custoulles máis do previsto facerse cos puntos en xogo no partido disputado na cidade do Lérez, ante un Pontevedra que malia a súa situación na táboa, deu a batalla na pista. O triunfo permítelles manter a segunda praza empatados co líder, o Xiria, a dúas xornadas de rematar a liga. E a penúltima xornada será a do derbi, en Chapela, ante a SAR, ao que os dous equipos chegan nunha situación moi diferente na táboa, aínda que con bo nivel de xogo.
SAR Plastic Omnium 26- 29 Luceros
O Luceros impúxose en Redondela á SAR nun partido moi disputado e que deixa os de Carlos Rey na 10ª praza do grupo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará