O cadáver do animal, un roncual común de aproximadamente seis metros de lonxitude, uns mil kilos de peso e tan só unha semana de vida, fora trasladado onte por unha embarcación de salvamento marítimo dende a zona da Portela, lugar no que aparecerá varado horas antes, ata o peirao de Cesantes á espera de que se desprazasen ao lugar técnicos de Medio Ambiente da Xunta para a súa retirada. Ao coincidir cun día festivo en Santiago os trámites atrasáronse e non foi ata o medio día de hoxe cando os técnicos se levaron o cadáver.
A presenza destes restos no peirao levantou unha enorme expectación e durante toda a tarde o lugar foi un ir e vir de persoas, moitas familias con nenos, que non dubidaron en achegarse para ver de primeira man este exemplar de balea de tan só uns días de vida. Tamén se achegaron ao lugar técnicos de CEMMA (Coordinadora para o estudo de Mamífero Mariños) co obxecto de tomar mostras do animal para o seu estudo e tratar de determinar a causa da súa morte, algo difícil de aventurar ata que non se coñezan os resultados das análises, xa que é estraño que un exemplar tan pequeno se separase da súa nai.