A Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra ven de conceder tres achegas ao concello de Redondela por un importe total de 605.759,68 €, con cargo ao Plan Concellos 2016. As axudas dedicaranse para obras de saneamento en varios emprazamentos do concello. Así, 219.541,34 € destinaranse á rúa da Rabadeira e no camiño da Devesa, na parroquia de Cedeira; 213.789,71 € na zona dos Valos, pertencente á parroquia de Saxamonde; e 172.428,63 € no lugar de Saramagoso, Santa María Do Viso.
Esta non é a primeira axuda recibida polo concello por parte do goberno provincial. Estas contías súmanse ós 168.016,70 € entregados para facer fronte a gastos correntes; 40.000 € investidos no festexo tradicional e folclórico Corpus Cristi e a Festa da Coca; e 251.748,26 € para a contratación de 27 traballadores e traballadoras que están a desempeñar as súas labores para o concello.
O Deputación provincial leva destinados 1.065.507,94 €, o que representa o 95,12 % do total destinado a Redondela, dentro do Plan Concellos 2016.