O goberno local, a través da Concellería de Seguridade aconsellaba aos veciños de Redondela non saír das súas vivendas e manter as fiestras pechadas como medida de precaución ante o fume procedente do incedio que a media tarde de onte devoraba a factoría de Fandicosta, no litoral de Moaña. A alerta, procedente do 112, incluía selar con panos húmidos as portas e fiestras que non estiveran debidamente illadas para evitar posibles filtracións de fumes. O aviso mantívose ata que se deu por controlado o lume ao redor da medianoite, unha vez que os bombeiros confirmaron que as lapas non se ían estender aos tanques de amoníaco existentes nas instalación da industria pesqueira. Os datos obtidos na mañá de hoxe coa unidade móbil de calidade de aire, situada en Cesantes, amosan concentracións baixas de contaminantes. Todo apunta a un ocrtocircuito como causa do incendio.
O fume, procedente do incendio que se declaraba aos redor das 17:30 horas da tarde xerou unha importante alarma, principalmente nas poboacións máis próximas. Ademais dos 110 traballadores que foron desaloxados de xeito inmediato tamén foron evacuadas as casas contiguas e unha gasolineira que se atopa nas inmediacións ante o risco de que as lapas se estendesen. Malia que as tarefas de arrefriamento da nave afectada continuarán durante varios días xa na medianoite os bombeiros daban por controlado o incendio logo de evitar que se estendese aos tanques de amoníaco e se descartase unha explosión que tería sido altamente tóxica.
Ao longo da tarde a intensa fumareda obrigou tamén a pechar a autoestrada na Ponte de Rande durante hora e media e emitiuse unha alerta dende o 112 aconsellando aos veciños de Moaña e Redondela que non sairan das súas vivendas e pecharan as fiestras.
As zonas máis afectadas no noso concello foron Outeiro das Penas, O Viso e Cesantes así como nalgunhas parroquias de Soutoamior. Con todo, as medicións efectuadas por protección civil descartaron en todo momento risco algún para a saúde polo que se foi máis unha medida preventiva ante a intensa fumareda que cubría toda a ría que unha medida de emerxencia.
No último informe emitido pola Xunta na mañá de hoxe martes explican que os bombeiros do Morrazo dan o lume por controlado, quedando algún pequeno foco interior. Ademais, os datos obtidos coa unidade móbil de calidade de aire, situada en Cesantes, amosan concentracións baixas de contaminantes. O buque Irmáns García Nodal está comprobando na zona si hai contaminación no mar xunto a unha embarcación de limpeza da Autoridade Portuaria de Vigo.