O Concello de Pazos xestionará este ano un orzamento de case 2,6 millóns de euros, tal e como aprobou a corporación municipal no último pleno. O documento económico recolle o aumento de diversas partidas correspóndese a unha lixeira subida da participación nos tributos do estado, que pasan de 523.000 a 538.000 euros. Ademais, a subvención procedente da Xunta de Galicia ascende dos 107.000 aos 124.000 euros ao que hai que engadir os 299.000 euros procedentes da Deputación para a construción do campo de futbol de Nespereira e os fondos para a rede de saneamento.
Explican dende o concello que o incremento no orzamento permitirá aumentar as principais partidas dos servizos sociais como o Servizo de Axuda no Fogar, que pasa dos 80.700 aos 140.000 euros, ou os fondos destinados a Emerxencia Social, que pasan dos 7.500 aos 10.000 euros. Do mesmo xeito increméntase a partida destinada ao fomento do emprego até situala en 10.000 euros.
Tamén crecerán os fondos destinados ás asociacións deportivas do municipio, que crecen dos 8.000 aos 11.000 euros. Neste sentido destacan o investimento a realizar no campo de fútbol de Nespereira, que conta cun orzamento total de 469.000 euros dos que a Deputación de Pontevedra achega case 300.000 euros e o Concello os 169.000 restantes.
Ampliar a rede de saneamento municipal é outro dos grandes proxectos deste ano. Neste sentido investirase un total de 315.000 euros na instalación e mellora da rede nos barrios de Masusán, Igrexa e Carballiño, na parroquia de Amoedo. Ademais están previstas outras melloras en diversos camiños grazas ao Plan Marco así como o aumento na dotación destinada aos traballadores municipais contratados a cargo do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra.