Axentes da Policía Nacional manifestáronse hoxe ás portas da comisaría de Redondela para demandar unha maior dotación de efectivos e que as dependencias da vila se convertan na primeira comisaría do distrito da Área Metropolitana de Vigo. Con esta reivindicación, convocada polo sindicato Unión Federal da Policía, Redondela pasaría a contar con 70 axentes fronte aos 17 actuais “un número claramente insuficiente que fai que non se poida chegar ás emerxencias e que moitas das necesidades da poboación queden desatendidas”.
A protesta, na que participaban os axentes que actualmente traballan na comisaría de Redondela, tiña lugar ás 11:00 horas nas portas da antiga casa do mar, edificio no que se atopan as instalación tanto da policía local como da policía nacional na zona da Marisma. Os motivos que os levan a manifestarse son, entre outros, a diminución do cadro de persoal que pasou de 29 axentes aos 17 actuais “unha situación que fai que a comisaría estea aberta tan só en horario de mañá, obrigando aos veciños a desprazarse a Vigo ou outras localidades cando queren presentar unha denuncia fora do horario matinal”. Tamén alertan que existe unha única patrulla para todo o territorio “o que fai imposible que se poidan atender as emerxencias que se producen”. Unha situación da que son coñecedores os delincuentes, que aproveitan “a escasa vixilancia policial para cometer atracos ou outros tipo de actividades delictivas”. Denuncian tamén a carencia de material dos axentes que traballan en Redondela “que non dispoñen de protección individual como chalecos”. Dende a comisaría de Redondela José Manuel González denuncia que “o 100% dos policías carecen de chaleco o que pon en risco a súa seguridade”. Dende a Unión Federal de Policía tamén consideran que agora que se ten creado a Área Metropolitana de Vigo é o momento para que a Policía se reorganice e se cree en Redondela unha comisaría propia “unha medida que serviría para solucionar todos os problemas que actualmente afectan ao servizo”.