A programación de hoxe mércores arrancaba coas actuacións escolares a cargo da compañía Baobad Teatro, con xerme redondelán ao contar entre os seus actores con Andrea Bayer, veciña do noso concello. Escenificarán o seu galardoado “Luppo” no Auditorio da Xunqueira ás 10:30h e ás 12:00h para público escolar. Xa pola noite, chega un dos pratos fortes do festival coa actuación ás 21:00h da compañía francesa La Pendue e o seu espectáculo “Tria Fata” (recomendada para maiores de 12 anos).
Música, actividades itinerantes, mercadiño titiriteiro e, sobre todo, moitos monicreques invadiron Redondela no festivo de onte. O bo tempo favoreceu que milleiros de persoas se achegaran ao noso concello para gozar dos espectáculos que arrancaban xa de mañá e que durante toda a tarde sucedéronse nas prazas e rúas da vila. A praza da petanca, a do Concello, a praza da Casa da Torre ou a de Reveriano Soutullo pero tamén a Alameda e as rúas Alfonso XII e Ribeira foron un constante ir e vir de persoas que non querían perderse as obras que se sucederon durante toda a tarde. Actuacións ateigadas de público que divertiron a grandes e pequenos así como actuacións de sala que arrancaban onte cunha intensa programación que se prolongará ata o vindeiro domingo e que conta hoxe cunha das súas actuacións máis destacadas. A dos franceses de Le Pendue quen chegan hoxe a Redondela co seu espectáculo Tria Fata. Unha obra, que mestura teatro de actor con diversas técnicas de manipulación -entre elas, os títeres de luva- , a compañía experimenta coa forza da antiga tradición da arte de Pulchinelo. As tres Fatas son as deusas do destino, que controlaban o metafórico fío da vida de cada mortal dende o seu nacemento ata a súa morte. No espectáculo, ela é titiriteira, el é músico, e no seu cabaret estase xogando coa vida e a morte. Preséntannos a unha vella dama á que lle chega a hora e proponlle á morte mostrarlle de maneira acelerada o panorama da súa existencia, dende o nacemento ata o final, pasando pola infancia e o amor. As entradas para este e o resto de espectáculos de sala poderanse adquirir na billeteira do Festival, instalada no vestíbulo do Multiúsos da Xunqueira, a un prezo de 6€ adultos e 4€ nenos. O horario de apertura será de dúas horas antes de cada función, agás para os espectáculos programados ás 17:00h, nos que abrirá ás 16:00h.