O Concello celebrou ante a estatua de Castelao na Alameda o tradicional acto institucional co gallo do Día das Letras Galegas. “Unha sentida homenaxe” ao poeta Manuel María que contou coa música da banda de Música de Arcade e a lectura de poemas a cargo do profesor Xosé Couñago. O discurso institucional correu a cargo do concelleiro de Cultura, Xabier Alonso quen salientou a transcendencia literaria do poeta lucense pero sobre todo o seu compromiso “coa terra, coa lingua e coa xente”.
A lectura do poema “Galicia” na voz do profesor de galego Xosé Couñago marcou o iniico dun acto institucional no que as diferentes intervencións deixaron constancia das moitas facetas de Manuel María, un home polifacético de quen a edil Teresa París lembrou como a súa maior fazaña “lograr que os máis novos recuperaran o idioma galego a través dos seus poemas”. Un día de festa no calendario pero, sobre todo, un día para comprometerse co idioma tanto a nivel particular como colectivo e tamén dende as propias institucións que, ao entender do edil de cultura Xabier Alonso, deben traballar “porque o noso idioma dure mil primaveras máis, e é esa unha tarefa diaria individual e colectiva”. Insistía o concelleiro na idea de que “como institución debemos defender o idioma e facer nosas as palabras de Manuel María “Galicia somos nós, a xente e mais a fala”. Fixo tamén fincapé o edil na faciana reivindicativa de Manuel María “reclamando en plena ditadura o uso do galego por riba de calquera prohibición que lle quixeran impor”. Un home comprometido “co idioma, coa terra e coa xentes” que o fixo participar activamente na vida política ata o ano 1975.