As chamas calcinaron esta madrugada unha vivenda en Fornelos de Montes, no lugar de Cabada. O 112 sinala que non se rexistraron feridos. Os bombeiros do Porriño tiveron que agardar dúas horas par que chegaran reforzos de auga desde o municipio ourensán de Avión.
Foron os veciños quen alertaron do lume sobre as 3.30 horas ao escoitar fortes ruídos. A vivenda estaba baleira, xa que os seus propietarios só residen nela os fins de semana. Cando chegaron ao lugar os efectivos de Porriño, as chamas estaban moi estendidas. Segundo relatan, solicitaron reforzos ao 112, quen alertou ao Grumir de Redondela. Con todo, ao carecer de efectivos de noite, non acudiron. A Axencia Galega de Emerxencias solicitou axuda ao GES de Avión, quen levou mil litros de auga até o lugar dúas horas máis tarde. Tan só cinco bombeiros con 3.500 litros enfrontáronse ás chamas, e mesmo tiveron que pedir axuda aos veciños para que lles transvasasen auga coas súas mangueiras. Aínda que había máis vivendas próximas á casa incendiada, a distancia era suficiente para que non se temese pola propagación das chamas. Sobre as 8.30 horas da mañá deuse por extinguido o lume.