A XXXI Bandeira Concello de Moaña de traiñeiriñas foi a previa do Campionato Galego que se disputará a próxima fin de semana no mesmo circuíto. O C.R. Mecos proclamouse vencedor con triunfo na categoría feminina e na xuvenil masculina, e Chapela conseguiu clasificarse para a proba autonómica en todas as categorías.
Os atletas do club grovense sumaron 11 puntos, seguidos de Chapela, Tirán e Samertolaméu, que empataron con 9 puntos os tres. A xornada oficial comezou coa final feminina, na que a tripulación de Mecos foi clara dominadora, cruzando a meta con vinte segundos de vantaxe sobre Chapela, que foi segunda. En terceira posición entrou Vila de Cangas. A final de xuvenís masculinos tivo a dous contendentes fortes, Mecos e Samertolaméu, que dominaron a proba nun man a man no que finalmente se impuxo Mecos no último longo, seguido de Samertolaméu en segunda posición, a un barco. Tirán foi terceiro, e Chapela quedou na cuarta posición. E na categoría absoluta masculina viviuse un espectacular duelo entre Chapela, Samertolaméu e Tirán, que competiron proa con proa ata que o último longo definiu a clasificación. Samertolaméu mostrouse máis forte na recta final e gañou a proba con Tirán a un barco e Chapela a quince segundos. Destes finalistas clasificábanse os catro primeiros para disputar o próximo fin de semana o Campionato de Galicia, que será no mesmo escenario. Polo tanto o C.R. Chapela contará con representación en todas as categorías. Na proba autonómica decidiranse as dúas prazas para estar no Campionato de España, previsto para os días 4 e 5 de xuño na vila cántabra de Pedreña.
Veteranos
Antes de comezar a xornada oficial celebráronse dúas series en traiñeiras da categoría de veteranos que ofreceron un gran espectáculo con Chapela na segunda posición, por detrás de Samertolaméu. Tirán ocupou a terceira praza, Rianxo foi cuarto e quinto Virxe dá Guía (14.24:94).
Resultados: Absoluto feminino: 1. Mecos, 15.51:12; 2. Chapela, 16.11:84; 3. Vila Cangas, 16.38:25; 4. Tirán, 16.52:86; 5. Coruxo, 16.53:68. Xuvenil masculino: 1. Mecos, 14.30:91; 2. Samertolaméu, 14.34:18; 3. Tirán, 14.54:56; 4. Chapela, 15.30:15; 5. Vilaxoán, 15.43:88. Absoluto masculino: 1. Samertolaméu, 13.53:62; 2. Tirán, 13.58:50; 3. Chapela, 14.08:66; 4. Moaña, 14.22:34; 5. Mecos, 14.38:38.