O conxunto redondelán segue vivo na fase de ascenso logo de impoñerse en Santa Mariña ao Badaxoz por 2-1. Gran partido dos de Marcos Montes con goles de Comis e Fer, que parten así con vantaxe para o encontro de volta en terras estremeñas.
Choco 2-1 Badaxoz No partido de onte enfrontábanse dous rivais ben diferentes, o Choco, un dos equipos co orzamento máis modesto da Terceira, fronte ao Badaxoz, un histórico da Segunda División con xogadores case profesionais. Pero os redondeláns fixeron gala da súa calidade e demostraron en Santa Mariña o seu mellor fútbol. Tras minutos de intercambio de ocasións, no minuto 27 chegou o gol de Comis. Amagou o pase, tamén o disparo nun par de ocasións mentres sorteaba a rivais na frontal ata que disparou pegado ao pau coa esquerda. O descanso serviu de reacción a un Badaxoz que durante o primeiros vinte minutos da segunda parte demostrou a súa calidade. Cun xogo moi vertical, chegou á área local e tivo ocasións. O gol do empate marcouno desde o punto de penalti por medio de Quique Carreno. Pena máxima polémica porque Suso pareceu arrebatar o esférico de forma limpa a Abraham Pozo. Foron minutos de sufrimento para Jacobo Montes e os seus xogadores. O equipo respirou no minuto sesenta, cando probou co saque de esquina, rematou mal Félix, pero remachou Fernando coa cabeza e puxo o 2-1 no marcador. O Choco tentou até o final ampliar a vantaxe, pero o marcador xa non se movería. A renda é escasa, pero tentarán manter a vantaxe no partido de ida. Será o domingo, 29, no Nuevo Vivero, en Badaxoz. Segunda Autonómica Gondomar 1-6 Choco O Choco despediu a liga con goleada sobre o Gondomar, que lle permite manter a terceira praza do grupo. Chapela 3-0 Alcabre O Chapela tamén rematou o campionato cun triunfo sobre o Alcabre, pero o resultado non é suficiente para abandonar as prazas de descenso, polo que a próxima temporada será equipo de Segunda Autonómica. Terceira Autonómica Nespereira 0-2 Vilar Partido de rivalidade comarcal e moi intenso. Os redondeláns fixeron os dous goles na primeira parte, despois reaccionou o Nespereira, e tivo ocasión de recortar distancias, pero fallou un penalti nun encontro no que os dous equipos acabaron con 10 xogadores. O Vilar remata así como subcampión do seu grupo.