A moción foi presentada conxuntamente por PSOE, AER e BNG e malia incluír duras críticas ao goberno polos atrasos que as Anpas sofren no cobro das axudas municipais, o PP deu o seu apoio alegando que “dende a Concellería de ensino xa se está a traballar en moitas das cuestións que reclaman as Asociación de Pais e nais, cuxa labor é encomiable”. A voceira do PP, Carmen Amoedo, asegurou que se os atrasos tanto no cobro das axudas correspondentes ao ano 2014-15 como na tramitación das bases para solicitar as axudas deste ano “responde a un problema de procedemento e non de falta de dilixencia da concelleira de ensino”.
A moción presentada polas Anpas de Redondela chegaba ao pleno de onte da man dos grupos da oposición que se facían eco das queixas que estas asociacións veñen denunciando nas últimas semanas e que se centran principalmente nos atrasos continuados á hora de cobrar as axudas correspondentes ás actividades extraescolares realizadas no curso 2014-15, unha axudas que veñen de recibir hai tan só uns días. Na moción, entre outras cuestións recollese a solicitude de que dende o goberno local se axilice e se faciliten os trámites á hora de solicitar estas subvencións, que as bases están elaboradas meses antes do peche do curso e que se adiante unha parte das subvencións dos comedores escolares unha vez estean preconcedidas. Unhas reclamacións que dende o BNG aseguran “as Anpas veñen padecendo dende hai cinco anos polas políticas do goberno do PP que provocan o deterioro do ensino público”. Idea na que insistía tamén o edil do PSOE, Eduardo Reguera, quen lembraba que hai tan só 12.000 euros para os 3.000 nenos e nenas que estudan nos centros públicos de Redondela Dende o PP respondían ás críticas asegurando que dende a Concellería de ensino estase a traballar para que todas as demandas recollidas na moción sexan unha realidade e insistía en que os atrasos responden a “problemas de tramitacións por parte dos servizos xurídicos do Concello”. Aseguraba a edil Carmen Amoedo que dende o 19 de febreiro “está no departamento de intervención unha normativa na que se recollen todas as peticións das Asociación de pais e nais”. Explicación que non convencía a ningún dos grupos, tampouco a a Agrupación de Electores quen entende que “a denuncia das Anpas non é por capricho”. Na sesión aprobouse tamén o cesamento de Teresa París como concelleira de ensino, petición que chegaba dende o Bloque e que era secundada por todos os edís da oposición.