Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Festival Sinsal regresa a San Simón en xullo con boa parte das entradas esgotadas

RR_Noticias

Unha vintena de artistas galegos e internacionais daranse cita na décimo cuarta edición do evento, que manterá a incógnita sobre o seu cartel ata a apertura.. O festival, que se desenvolverá na Illa entre do 22 ao 24 de xullo, ofrece este ano novas actividades para gozar da música nun enclave natural único. Están xa esgotadas as entradas para o sábado 23, pero si hai posibilidade de facerse cunha entrada para os outros dous días a través de ticketea.

Un ano máis, “o festival opta pola incógnita como unha forma de atraer o público interesado, xa que é no momento no que os e as asistentes desembarcan na illa cando reciben o programa coa información sobre o que poderán ver e escoitar nesa fin de semana”, afirmou na presentación que tivo lugar onte en Vigo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Ata 20 artistas galegos e internacionais daranse cita na programación oficial deste ano. Músicas e sons desde Brasil, Arxentina, Chile, EUA, Reino Unido, Francia, Lituania, Exipto, Portugal, España, Alemaña e Zimbabue, entre outros, soarán este ano en Sinsal, que mantén a súa filosofía de compoñer un cartel procedente de diferentes continentes con músicos que definen os sons de hoxe e que, en non poucas ocasións, encabezan a curto prazo os festivais máis prestixiosos de Europa.
Sen desvelar o cartel, o seu director, Xulio Gómez, destacou a participación de bandas de Francia e Portugal, o peso dos trobadores contemporáneos no cartel 2016 e as novas reinterpretacións do tropicalismo brasileiro por parte de novos grupos. Ademais, o festival, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, outorgaralles ás mulleres creadoras un papel relevante no cartel, visibilizando o seu traballo en diferentes facetas da música.
A décimo cuarta edición do festival presentará novidades relacionadas coa gastronomía, co transporte e co acceso do público menor de 16 anos. O aforo limitado a 800 persoas por día, a contorna natural, o feito de ser un evento diúrno e moi familiar, tanto pola proximidade de músicos e organización co público como polo feito de promover a participación da audiencia nova, sitúan o festival como unha proposta alternativa, que este ano propón obradoiros, experiencias náuticas e paseos en goleta pola enseada.
Aínda que xa están esgotadas as entradas para o sábado 23 de xullo, os bonos de tres días, así como os bonos de venres e sábado e de venres e domingo, e as prazas para menores de 16 anos do domingo 24 de xullo, aínda se poden adquirir en ticketea entradas de días para venres e domingo. Tamén están esgotados os bonos camping en colaboración co camping Cesantes, así como o traslado ao festival en goleta o sábado en colaboración coa empresa de turismo mariñeiro Bluscus.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará