O novo recinto conta cunha superficie de 900 metros cadrados e está situado sobre o túnel do AVE na avenida de Castelao no casco urbano de Arcade. O Concello de Soutomaior iniciou xa os traballos para acondicionar o solar e dótalo de diferentes elementos propios deste tipo de espazos. A medida responde á solicitude dun veciño da localidade a través das redes sociais e a plataforma colaborativa de peticións, Change.org, onde recolleu case 200 apoios de veciños e simpatizantes do mundo canino en poucas semanas.
O novo recinto, o segundo destinado a cans en Arcade,terá unha superficie total de 900 metros cadrados e instalarase na parcela situada sobre o túnel do AVE na avenida de Castelao.
Está previsto que o novo parque estea totalmente listo nas próximas semanas aproveitando un espazo ao que se lle daba pouco uso e que xa era utilizado por algúns veciños para pasear coas súas mascotas.
Como é costume neste tipo de espazos, instalaranse diversos elementos de divertimento para os cans, ademais de colectores para residuos, bolsas para a recollida de excrementos, unha fonte de auga adaptada e bancos para que os responsables dos animais poidan descansar mentres xogan as súas mascotas. Todo iso dentro dun recinto valado e con dobre entrada para garantir a total seguridade dos cans.
Do mesmo xeito, instalaranse paneis informativos á entrada do parque para concienciar aos usuarios da necesidade de contribuír ao bo uso e mantemento do mesmo.