Arranca a décima edición do festival cun cartel internacional no que a granadina Vinila Von Bismark é unha das grandes aposta. Os concertos arrancarán hoxe xoves ás 21:30 na área recreativa de Chan das Pipas en Saxamonde co grupo local Fame Negra. A continuación subiranse ao escenario os vigueses The Marveltons e pechará a xornada o punk de Zibabu, grupo procedente de Amsterdam que actuará na medianoite. O festival mantén o seu carácter gratuíto pero fan un chamamento ao público para que colabore coa ONG Da Man doando alimentos non perecedoiros.
A música é a razón de ser deste festival que inclúe na súa programación outras propostas en horario diúrno para todos os públicos. Así, na tarde de mañá o programa arranca xa as catro da tarde con citas deportivas centradas no fútbol sala e o baloncesto. A partir das cinco arrancará a sesión de grafitti e as oito da tarde está prevista a actuación do grupo Relámpago Rock, integrado por tres mozos de 11 a 17 anos que fan versión de rock. Nesa xornada os concertos arrancarán ás 23:00 horas con Pan de Capazo a quen seguirá un dos pratos fortes do festival, a granadina Vinila Von Bismarck. Sobre as dúas da madrugada subirá ao escenarios o grupo holandés de jazz Maisón du Malheur e pechará a xornada o swin dos coruñeses Chotokoeu. O programa do sábado arrancará con sesión vermú as doce do mediodía e actividades variadas durante toda a xornada. Pola noite será a quenda dos gañadores do concurso de maketas, os pontevedreses The soul breakers, seguidos polos alacantinos The troupers swind band e as músicas dos grupos Gypsy Sound System Orkestra e The Anomalys, os primeiros chegados dende Suíza e os segundos de Amsterdam.