Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Bañistas sen preocupacións en Arealonga

RR_Noticias

Malia que o resultado das analíticas da auga desaconsellan o baño nesta praia de Chapela, veciños e visitantes utilizan o areal con normalidade. As altas temperaturas desta semana permitiron que adultos e nenos acudiran en masa a refrescarse no mar “sen ningún temor”. Os usuarios lembran que esta situación leva dándose “toda a vida” e que nunca houbo “ningún problema”.

A Comisión Europea incluíu o areal de Chapela no listado de praias que deberían pecharse ao baño pola mala calidade das súas augas. Un cartel advirte que a calidade da auga é “insuficiente” e que se recomenda “non bañarse”. Pero a maioría dos usuarios restan importancia a esta advertencia. Secundino, que leva máis de catro décadas vivindo na parroquia, non entende a “mala fama” que se dá á praia, e asegura que non hai ningún problema por bañarse nas súas augas. Desde o Concello tampouco asumen a recomendación de Bruxelas. O goberno local entende que mergullarse na praia de Arealonga non supón “ningún risco para a saúde”. A concellería de Medio Ambiente mesmo sinala que a auga deste areal ten mellorado nos últimos anos. Os veciños, en xeral, son da mesma opinión. Jesús, que rexenta un local de hostalaría na zona, constata que non existe “ningún tipo de preocupación” entre os usuarios do areal. Os veciños, familias con nenos, non deixan de acudir á praia. Esta semana o bo tempo permitiulles tamén gozar do baño. É o caso de Bea, que acode cos seus nenos. Faio con algúns reparos, pero consólase lembrando que “nunca pasou nada”. Sen embargo, algúns veciños prefiren evitar esta praia. É o caso de Juan, que opta por outros areais ao entender que Arealonga “non reúne as mellores condicións”. E pon o acento tamén no feito de que, malia que se desaconsella o baño, si se permite a extracción de marisco para o consumo, o que considera “ilóxico”. Veciños como Miguel entenden que as administracións deberían “facer algo máis que advertir cun cartel que a praia non é apta para o baño”. Demanda un estudo sobre as causas e que se tomen medidas “para darlle unha solución”. E non só polos os bañistas, senón sobre todo porque se trata dunha praia onde se marisquea con normalidade.

Secundino resta importancia á advertencia
Este veciño leva máis de 40 anos en Chapela e a praia sempre recibiu bañistas sen que houbera problemas.
Jesús fala de normalidade
Este hosteleiro de Arealonga sinala que os veciños seguen acudindo á praia con normalidade.
Bea confía en que non pase nada
Esta veciña acode á praia con seus fillos. Faino con algúns reparos pero recoñece que nunca houbo problemas.
Juan evita este areal
Este veciño procura ir a outras praias e non entende que se desaconselle o baño mentres se permite mariscar.
Miguel demanda solucións
Pide que se analicen as causas da contaminación e se solucione o problema para seguridade do bañistas e sobre todo dos consumidores do marisco que se extrae da praia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará