A Xunta concedeu a Redondela, a través da Consellería de Economía, emprego e industria, unha subvención por valor de 310.000 euros para levar a cabo dous obradoiros de emprego no que participarán 35 alumnos-traballadores que se formarán como pintores, deseñadores gráficos, xardineiros e canteiros. A xente que estea interesada deberá solicitar a súa inclusión no programa no Servizo Público de Emprego.
Estes obradoiros, solicitados pola concellería de Desenvolvemento Local que dirixe a edil Mª Carmen Amoedo, servirán para preparar ao alumnado para desenvolver diferentes profesións e mellorar así a súa empregabilidade. Os participantes encargaranse ademais de acometer diferentes actuacións no propio concello como por exemplo o acondicionamento do multiúsos da Xunqueira ou o axardinamento de diferentes zonas da vila.
O primeiro dos obradoiros concedidos é o “Emprega Xove II” orientado a menores de 30 anos. Impartirase neste obradoiro a especialidade de pintura decorativa a un total de 8 alumnos que se encargarán do acondicionamento do Multiúsos. A segunda especialidade formará a 7 alumnos no deseño gráfico. Uns cursos subvencionados pola Xunta con 130.000 euros e cunha achega municipal de 26.000 euros.
O segundo dos obradoiros concedidos é o “Redondela Ecosostible II”, orientado a persoas desempregadas sen idade específica, dez dos cales formaranse na especialidade de cantería e outros dez en xardinería e agricultura ecolóxica. Os primeiros encargaranse de mellorar o mobiliario urbano en distintas zonas do concello, mentres que os segundos traballaran no proxecto de agricultura ecolóxica de Pousadouro e traballarán tamén no acondicionamento de distintas zonas de Redondela.
As persoas interesadas poden informarse na Oficina de desenvolvemento local ou inscribirse directamente na oficina do Servizo Público de Emprego.