O espectáculo regresa a Redondela da man dos humoristas Evaristo Calvo e Victor Mosqueira. Poderá verse o sábado ás 21:00 horas no Multiúsos da Xunqueira dentro da programación da Concellaría de Cultura, en colaboración coa AGADIC a través do programa “Cultura no Camiño”. As entradas están xa a venda e teñen un prezo de 5 euros, (3 € reducido para estudantes, xubilados e desempregados).
“Cociña económica” é un dos espectáculos míticos deste dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, que malia ter case 20 anos de percorrido é, a día de hoxe, o espectáculo máis querido polo público de Mofa e Befa.
Os cómicos poñen os seus mandís, arremánganse e métense na cociña a facer o que eles mellor saben, que non é nin fritir un ovo nin preparar unha caldeirada de bertorella, nin tan sequera pelar patacas. Cociñan as risas que lle arrincan ao público, que asiste ás veces enganado, á representación.
A representación celebrarase no auditorio da Xunqueira o sábado 11 de xuño, ás 21.00 h. As entradas teñen un prezo de 5 € (3 € reducido) e poderanse adquirir dende o xoves no propio multiúsos da Xunqueira.