A carpa instalada pola Confraría de pescadores no peirao de Cesantes non deixou de recibir comensais durante toda a mañá para probar un produto que a partir de agora ten xa a súa cita anual no noso concello: o carallote ou longueirón. Os comensais deron boa conta das 520 empanadas elaboradas co produto da enseada e as dúas da tarde estaban completamente esgotados os moluscos que se reservaran para preparar a prancha.
En total 900 kilos de carallote foron degustados na xornada de onte na I edición da festa do longueirón organizada pola Confraría para potenciar a venda dun produto que dende hai tres anos se está a comercializar denden o noso concello. Un molusco moi semellante á navalla que está a ter moi boa saída para restaurantes de Barcelona e Madrid e que de seguro, logo do éxito da festa celebrada onte, comezará a ter unha maior saída no mercado local. A prancha ou en empanada, as racións despacháronse rapidamente. Había comensais que optaban por degustalo na propia carpa instalada no peirao e outros moitos decidiron levar as empanadas para casa nunha xornada gris no meteorolóxico pero que non impediu que a festa se celebrase con moi boa asistencia de público. Unha cita que arrancaba xa as once da mañá e que contou como pregoeiro desta primeira edición cun veciño da Cesantes, o produtor teatral Xandre Vázquez, quen lembrou no seu discurso a súa avoa, unha mariscadora máis que en tempos xa apañaba o carallote nas areas de Cesantes. Salientou tamén o carácter propio dunha festa que non se dedica a un produto que poderiamos atopar en calquera punto do pais senón que da conta “dun marisco que é noso e que a nós nos corresponde reivindicar”. Augurou tamén unha longa vida a esta festa que “como acontece coa festa do Choco converterase en todo un referente” nas citas gastronómicas de Galicia.