A comunidade educativa do IES de Chapela rexeita a construción deste aparcadoiro na Avenida de Redondela porque segundo denuncian “obrigará a levantar varios metros o muro de contención xa existente achegando o tráfico rodado ás aulas e impedindo a chegada de luz natural ao baixo e ao primeiro andar do edificio”. Lamentan a falta de información en torno a esta e outras obras que afectarán ao centro “nin a empresa encargada da ampliación da AP-9, nin ningunha administración se dirixiu á dirección do centro para Ile comunicar a afectación real e precisa” motivo polo que solicitarán a convocatoria urxente do Consello escolar para que se manifeste ante este problema.
A creación deste aparcadoiro no terreo entre a Avenida de Redondela e o propio instituto terá negativas repercusións para o alumnado e o profesorado motivo polo que solicitan que se traslade ao camiño do Torreiro, en paralelo á beirarrúa. Así o explica o persoal deste centro educativo quen amosa tamén a súa preocupación por outras actuacións en marcha. Así, a ampliación da autoestrada suporá incrementar o ruído procedente dos vehículos que circulan por esa vía. “Xa actualmente o tráfico da autoestrada produce un ruído que impide abrir as xanelas o que obriga a elixir entre ventilar as aulas ou aturar o ruído. Un problema que se vai agravar dun xeito moi importante” explican dende o centro.
Por este motivo consideran imprescindible “a instalación de barreiras contra o ruído tanto no límite da autoestrada como na avenida de Redondela e no camiño do Torreiro así como esixir de Audase que instale asfalto fonoabsorbente, nunha lonxitude suficiente, para amortecer o ruído que dificulta a actividade educativa. Esta modalidade de asfalto reduce até un 75% o ruído producido polo tráfico rodado.