O concelleiro de Interior, Arturo González asegura que existe un compromiso “por escrito” no que a empresa garante que se instalarán barreiras, asfalto fonoabsorvente ou aquelas medidas que se consideren axeitadas para minimizar o ruído do tráfico que circula pola AP-9. O edil asegura que no caso de que se “expropie” algún terreo do recinto do instituto “sería unha franxa de dous metros que actualmente non é utilizable polo alumando” e que polo tanto non afectaría ao funcionamento do centro. Anuncia que o alcalde manterá unha reunión nos vindeiros días cos responsables educativos “para aclarar todas estas cuestións que xa lle foron comunicadas ao director hai un mes, polo que non entendemos as súas críticas sobre a falta de información”.
O edil de interior sae ao paso das críticas emitidas dende a comunidade educativa sobre a falta de información por parte do Concello “non só non se lles negou información en ningún momento senón que fomos dilixentes á hora de trasladarlle todos os acordos existentes con Audasa”. Neste sentido asegura que hai un mes mantiveron unha reunión co director do Instituto para comunicarlle os compromisos por parte da empresa e que se concretan en “empregar un asfalto específico para diminuír o ruído así como acometer as medidas correctoras que sexan necesarias para minimizar a contaminación acústica procedente da circulación da AP-9”. Uns ruídos que no futuro e unha vez ampliada a autoestrada serán maiores ao aproximarse esa vía cinco metros máis as instalacións do instituto. Arturo González asegura tamén que “non se vai facer ningún muro” en referencia ao temores do profesorado que alertaban da posible construción dun muro entre a Avenida de Redondela e o edificio que restaría luz as aulas situadas nos andares inferiores. Sobre a “expropiación de terreos do centro para a creación de prazas de aparcamento no Camiño do Torreiro explica o concelleiro que “non hai nada en firme sobre esa obra e, no caso de que finamente se chegue a facer e haxa que empregar terreos do Instituto, afectaría a unha franxa de 2/3 metros que actualmente non é utilizable por atoparse en pendente”.