Arranca hoxe esta cita cultural e comercial que saca os libros a rúa e que pretende ser un escaparate e un punto de encontro entre libreiros e lectores. Estes últimos poderán beneficiarse dun 10% de desconto en todos os libros que se poñan a venda nas casetas das seis librería que participan nesta primeira edición así como participar de diferentes sorteos. A escritora Mª Xosé Queizán será a encargada de inaugurar a feira cun pregón e unha charla coloquio a partir das 19:00 horas.
A Feira do libro “A muller na palabra” chega esta hoxe a Redondela cun intenso programa con actividades para os máis pequenos, presentacións, firmas de libros e a participación de seis librerías, entre as que atopamos dúas do noso concello: Molière e La Imprenta. Tamén presenza da Biblioteca municipal que agasallará a cada persoa que se faga socia na súa caseta cun lote que inclúe unha bolsa das bibliotecas e un exemplar en galego de “Vinte mil leguas baixo dos mares” de Jules Verne. Unha actividade organizada dende a Concellería da Muller que quere darlle un carácter propio a unha cita literaria que se celebra por vez primeira en Redondela. Un carácter diferenciador que tamén salienta a xerente da Federación de Librerías de Galicia, Nani Regueiro, ao tempo que destaca do programa as actividades para os máis pequenos que perseguen “fomentar a lectura entre os nenos con contacontos, a presenza da Coca Simona, obradoiros de banda deseñada e talleres de cociña” sen esquecer o carácter comercial da iniciativa que quere promover a venda cos habituais descontos de todas a feiras, con rebaixas dun 10% na adquisición de cada libro e diversos sorteos. Unhas vendas que malia teren sufrido pola crise e pola competencia doutros formatos están repuntando. Explica Nani Regueiro que “o lector volve apostar polo libro en papel fronte ao libro dixital porque se identifica o papel co tempo de ocio”. Na inauguración da feira que terá lugar esta tarde ás 19:00 horas está presente o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destaca o importante papel dinamizador destas iniciativas “unha aposta polo libro físico como unha parte fundamental das industrias culturais de Galicia”. Un xeito máis de “loitar para que se reduza esa porcentaxe dun 30% da poboación que di non ler nada porque non lle gusta”. Na organización desta feira colabora tamén a deputación de Pontevedra, dende ese organismo Digna Rivas aplaude estas iniciativas que buscan “que o libro saia a rúa e se involucre sobre todo a poboación infantil”. O alcalde Javier Bas animaba aos veciños a participar e achegarse a esas casetas que están xa na Alameda.