A sentencia emitida polo Xulgado número 1 de Vigo do pasado 18 de maio resolve que media ducia de veciños da zona da Telleira en Cesantes recuperarán unha parte do pagado en concepto de recibo do lixo. A sentencia dálles a razón a este grupo de veciños que decidiron denunciar que dende o Concello se lles estaba a cobrar por este concepto un total de 71 euros cando polo servizo que reciben deberían pagar a metade. O BNG responsabiliza deste feito ao alcalde “por actuar de xeito caprichoso e con afán exclusivamente recadatorio”.
O recibo do lixo para aquelas vivendas que dispoñen de servizo diario ascende a 71 euros, mentres que naquelas parroquias ou lugares nos que a recollida non se fai todos os días o cobro debe ser de 35 euros anuais. Unha redución que debería afectar tamén a aqueles usuarios que non dispoñan dun colector a menos de cen metros da súa vivenda e que deberían abonar un único pago de 36,5 euros. Atendendo a esta normativa, os veciños da Telleira reclamaron no seu día que se lles mantivera a factura reducida logo de que en outubro do pasado ano recibiran a notificación do Concello para cobrarlles 71 euros. Ao non atender as súas reclamacións decidiron recorrer aos xulgados e “formular unha demanda na que solicitaban que se lles aplicara a cota reducida, como estaba a suceder ata outubro de 2015”. Despois de varios meses, finalmente o xulgado deulles a razón a este grupo de veciños.
O edil nacionalista Xoán Carlos González afirma que chegar a xuízo “foi única e exclusivamente por obcecación do alcalde de Redondela. A vista de todos os datos, estaba claro que o grupo de veciños tiñan dereito a que se lles aplicara a cota reducida”.