A Asociación de empresarios en colaboración co concello revitalizan esta celebración que se desenvolverá entre o xoves e o sábado na Praia de Chapela. O programa inclúe música, animación e actividades deportivas. A noite de San Xoán estará animada polo grupo Troula, compañía encargada do espectáculo da queima do meco que se realiza no martes do entroido.
A Asociación de Empresarios de Redondela conxuntamente co Concello, organizarán dun xeito especial e durante 3 días a festa do San Xoán con diversas actividades que se desenrolarán na Praia de Arealonga en Chapela. Os festexos comezarán o xoves 23 ás 18:00 horas coa programación desta xornada que contará co espectáculo de animación a cargo do Compañía Troula Animación baixo o título de “Errantes” que dará paso a partir das 00:00h á esperada fogueira de San Xoán para iniciarse unha noite máxica na Praia de Arealonga e que continuará cunha sesión de DJ´s na propia Praia. A fogueira volverá arder na Praia e para evitar estragar a area, convídase aos veciños a levar madeira e mobles “iso si, sen cravos”. Con todo, a achega máis importante é a xa feita pola Comunidade de montes da parroquia encargada de fornecer esa cacharela de material. Grazas a iniciativa de diversos colectivos veciñais foi posible deseñar unha ampla variedade de actividades complementarias que converterán a Praia de Arealonga nunha cita obrigada nesta festividade de San Xoán que contará con actividades como: un espectáculo de Flyboard, unha concentración popular de gaiteiros, un Mercadillo Popular Solidario, onde o troco, a compra e venta de produtos de segunda man serán os protagonistas. Durante todo o fin de semana tamén poderase gozar do VI Campionato Galego de Balonmán Praia organizado polo Club Balonmán Chapela que xuntará aos mellores equipos de balonmán Praia de Galicia. A festa de San Xoán está organizada polo Concello de Redondela e a Asociación de Empresarios de Redondela e conta coa colaboración do Balonmán Chapela, a Comunidade de Montes e o Círculo Cultural Recreativo de Chapela, cuxo presidente Emilio Sánchez Santorio agradecía este tipo de colaboracións que serven tamén para promover as actividades da propia entidade.