A obra ten como obxectivo evitar as filtracións que se viñan producindo no centro educativo nos últimos anos. Está previsto que se inicien nas vindeiras semanas aproveitando o período non lectivo e que rematen antes do inicio do próximo curso. O cambio de cuberta suporá un investimento de 158.000 euros e mellorará a eficiencia enerxética dun centro no que estudan preto de 100 alumnos.
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e membros da unidade técnica do departamento territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, visitaron o CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes con motivo da renovación da cuberta do centro por parte da Xunta.
Durante a visita estiveron presentes o alcalde do concello de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, e o equipo directivo do centro e responsables da ANPA.
Como constataron os técnicos, nos últimos anos víñanse observando diversos problemas relacionados con filtracións de auga no edificio. Así pois, o Goberno galego e dentro das reformas a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora), destinará un total de 158.000 euros para a renovación da cuberta co obxectivo de eliminar estes problemas de filtración. Trátase, polo tanto, dunha “obra prioritaria” que responde as necesidades do colexio.
As obras afectarán a un total de 1,571 metros cadrados e consistirán na substitución da cuberta antiga de tella por unha nova. Esta nova cuberta será máis moderna e estará formada por un panel tipo sándwich, con canelóns e con todas as características precisas para executar a substitución. Con este cambio se mellorará a eficiencia enerxética e o illamento térmico do colexio, que conta con preto de 100 alumnos.
Os traballos comezarán este verán e terán unha duración de mes e medio. Deste xeito aprovéitase o período de vacacións co fin de non interceder no normal funcionamento do centro de educación infantil e primaria durante o próximo curso escolar.