Logo da gran acollida do espectáculo de Flyboard a pasada noite de San Xoán en Arealonga, o C.R.C. de Chapela organiza unha nova exhibición deste deporte náutico. Será o domingo, 3 de xullo, a partires das 16.00 horas nas inmediacións do seu porto deportivo. Os que o desexen poderán vivir a experiencia de “voar sobre as augas”.
Os monitores de Flyboard Vigo farán unha espectacular exhibición con saltos mortais e acrobacias a gran altura. Logo, todos os que o desexen, poderán vivir a experiencia cun “bautismo” desta disciplina deportiva en sesións de vinte minutos. Gabriel Pereira, un dos responsables, aplaude a inicatibva do C.R.C. de Chapela, que deste xeito “diversifica” a oferta de deportes náuticos na parroquia e ofrece a posibilidade de que os veciños coñezan esta modalidade. Trátase dunha especialidade “relativamente nova”, hai uns tres anos que comezou a practicarse en España, e agora está en pleno “auxe”. Gana adeptos pola súa espectacularidade, pero ademais é un deporte “sinxelo” de practicar. Non é necesario contar cunhas condicións físicas especiais. Calquera persoa maior de 18 anos, ou 16 con autorización paterna, con mobilidad normal pode vivir a experiencia de “voar” sobre a auga, ou mesmo nadar “coma un golfiño”. Segundo Pereira, é máis doado que “andar en bicicleta”, tan só é necesario manter o equilibrio e “gozar da experiencia”. Unha táboa baixo os pés conectada a unha mangueira con dous potentes chorros fai o traballo de impulsar ao participante cara arriba. Os expertos sinalan ademais que é un deporte “seguro”, xa que ao practicalo non se colle velocidade, só altura, que é controlada polo monitor. A actividade terá un prezo de 45 euros para os socios do Círculo de Chapela e 50 para os non socios. Poden inscribirse no teléfono 986.451.556 ou a través do enderezo electrónico circulo@chapela.org.