Os afeccionados ao tai chi teñen a oportunidade este verán de gozar desta actividade ao aire libre e de maneira gratuíta tanto en Redondela como en Chapela. A Concellaría de Benestar Social ofrece durante os meses de xullo e agosto esta modalidade deportiva na Alameda de Redondela e nos xardíns do Multiusos de Chapela.
As clases desenvólvense en horario de 9.30 a 10.30 horas e os martes e xoves no parque redondelano, e os luns e mércores co mesmo horario na parroquia chapelana. A actividade está dirixida a persoas de todas as idades e os interesados en participar non necesitan inscribirse previamente, basta con acudir aos lugares e nas horas indicadas con roupa cómoda. As clases impartiranse até o próximo 31 de agosto.
O tai chi é unha forma de realizar exercicio moi saudable e apta para todas as idades que reporta beneficios en pouco tempo xa que traballa distintos compoñentes como a forza muscular, a flexibilidade, o equilibrio e a coordinación.
Para máis información pódense dirixir aos Servizos Sociais, na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2 ou chamando ao 986 40 26 08. Tamén nas oficinas de Servizos Sociais de Chapela, nos baixos do pavillón de deportes, ou chamando ao 986 45 89 93.