A directiva do Centro continúa traballando na súa campaña de captación de socios coa remodelación das súas instalacións para ofertar así deporte cuberto no inverno e a organización de diferentes campus deportivos. Así, este mesmo mércores arranca o campus de vela que se desenvolverá durante todo o ano e no que poden participar nenos de 9 a 16 anos en horario de 10:00 a 13:00 horas. Os adultos terán tamén a oportunidade de achegarse a vela en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
Captar socios para garantir a supervivencia desta Sociedade é o obxectivo que se marcou como prioritario a nova directiva que dirixe o Centro Recreativo baixo a presidencia de Daniel Virulegio. Imprescindible para animar aos veciños é ofertarlles un programa de actividades diferentes, divertido e orientado a todos os públicos. Pensando nas necesidade de conciliar, nestes meses de verán organizan diferentes campus en base ás idades dos seus participantes. Así, o nenos de 4 a 9 anos teñen a oportunidade de achegarse ao teatro, pintura, manualidades, o cine e o baile a través dun campus que funcionará no propio Centro en horario de 10:00 a 13:00 horas e que ten un prezo que oscila entre os 70 euros que teñen que pagar os socios polo mes completo e os 160 que lles custaría aos non socios. Con posibilidade tamén de achegarse a actividade durante unha semana ou unha quincena a un prezo máis reducido. Por outra banda haberá un campus multideporte durante o mes de agosto que ofrecerá vela, tenis, waterpolo e outros deportes dirixido a nenos de 9 a 16 anos. Tamén a partir dos nove anos e sen límite de idade poden inscribirse os que o desexen nun campus de vela que arranca este mesmo mércores con horario de mañá e tarde. Unha actividade que segundo salientaba Virulegio quere aproveitar as incomparables condicións que ofrece a enseada de San Simón para a práctica deste deporte. Un Centro Recreativo que está nestas semanas a remodelar a parte baixa do edifico co obxecto de aproveitar un espazo de 320 metros cadrados no que se instalará herba artificial para practicar balonmán, fútbol e tenis.