A praza da Casa da Torre acollerá este mércores, 20 de xullo ás 21:00 horas, a celebración do Festival Folclórico Internacional, que traerá a música e a danza de tres países europeos: República Checa, Bosnia-Herzegonvina e Italia. Esta é a segunda edición do festival de folclore organizado pola Concellaría de Cultura, en colaboración coa Asociación Folclórica Cultural e Xuvenil Meiramar-Axóuxeres, no que se pretende mostrar parte da cultura e das tradicións musicais de distintos países a través de diferentes agrupacións folclóricas.
Nesta edición contarase coa presenza de tres grupos europeos a Asociación Artística-cultural Bascarsija procedente de Saraxevo, unha asociación máis desenvolvidas da capital e que ten representado a súa cultura en moitos paises europeos, asiáticos e africanos. O seu repertorio está composto por danzas e cantos dos pobos de Bosnia e Herzegovina, revisadas por unha serie de coreógrafos e músicos de renome no seu país, coa intención de trasladalas de xeito auténtico ás novas xeracións.
Dende a República Checa procede o grupo Rusava Folk Dance e dende Sicilia o Gruppo Folklorístico Burgisi de Marsala quen ten representado o folclore da súa illa en varios festivais de todo o mundo, nos que representou as súas danzas, cantos e musicas populares.
Este festival, encadrado dentro da programación de verán da Concellaría de Cultura, é aberto ao público e celebrarase o mércores 20 de xullo, ás 21.00 h, na praza da Casa da Torre.