O Motoclub Redondela organiza para esta fin de semana a II concentración “Vila dos Viadutos” cuxa inscrición está aberta a todos os que queiran participar. Dúas xornadas de actividades nas que os moteiros realizarán diversas rutas pola contorna e contarase coa presenza da piloto galega Tania 72 e o campión de España de trial, Martin Volador.
A concentración arrancará o sábado 23 na explanada de Seragua onde aínda poderán facer as súas inscricións para participar das actividades organizadas polo Motoclub Redondela. Unha inscrición que ten un custe de 18 euros e que inclúe unha ruta o sábado a partir das 17:00, outra ruta nocturna nesa mesma xornada na medianoite e unha terceira o domingo pola mañá. Haberá ademais exhibicións a cargo da escola de pilotos Lorenzo de Pontevedra e contarase coa presenza de Tania 72 piloto galega e Martin Volador (campión galego e de España de trial). Non faltará a música a cargo dun Dj e unha sesión de zumba. A concentración rematará o domingo con degustación de mexillóns. A inscrición inclúe ademais agasallos, cea do sábado, almorzo do domingo e a particpación en sorteos.